miércoles, 12 de junio de 2013
martes, 4 de junio de 2013
O Ies As Mercedes funciona
O Consello Galego de
Cooperativas, integrado por representantes da cooperativas, da Xunta, dos
concellos e das universidades de Galicia, presidido pola Conselleira de
Traballo e Benestar vén de comunicarnos ao IES As Mercedes a concesión do
premio ao mellor proxecto empresarial
cooperativo presentado por alumnos deste instituto ao Certame “Cooperativismo
no ensino 2013”.
O IES AS MERCEDES RECIBE O PREMIO AO MELLOR PROXECTO EMPRESARIAL
COOPERATIVO CONCEDIDO POLO CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS.
Na mañá
de hoxe o Consello Galego de Cooperativas, -integrado por representantes das
cooperativas de Galicia, da Xunta, dos concellos, das Universidades de Galicia
baixo a presidencia da titular da Consellería de Traballo e Benestar-, vén de
comunicarlle ao IES AS MERCEDES que o proxecto empresarial “CERTEFIGAL S. COOP.
GALEGA” presentado por tres alumnos do IES obtivo o primeiro premio ao “mellor
proxecto empresarial cooperativo”
no certame Cooperativismo no Ensino.2013, modalidade Proxectos
Empresariais Cooperativos dirixido ao alumnado e profesorado dos Centros de
Formación Profesional.
O proxecto
premiado:
De acordo
coa convocatoria do premio, o proxecto presentado baixo o nome “CERTEFIGAL S.
COOP. GALEGA” desenvolve o proxecto completo de constitución dunha empresa
cooperativa, economicamente viable, dedicada á certificación enerxética de
edificios, que un dos requisitos que, de acordo coa normativa vixente, se lle
vai esixir ás vivendas en aluguer.
En
relación a este proxecto, nun momento no que se quere suprimir as ensinanzas de
ESO e BAC, hai que destacar que a súa presentación non sería posible se non fose
pola colaboración do profesorado e departamentos de ESO e BAC xunto con outros
departamentos da FP:
-departamento
de economía, no que ten que ver co estudo de viabilidade económica da empresa
cooperativa;
-departamento
de formación e Orientación Laboral, no que ten relación coa normativa laboral e
de seguridade e hixiene no traballo;
-profesorado
de comercio e marketing, no que ten que ver coa promoción do proxecto
empresarial.
Os alumnos
premiados:
Os
alumnos do IES AS MERCEDES autores do proxecto pertencen ao Ciclo Superior de
Eficiencia Enerxética
Jaime Puebla González:
-ESO
no IES San Xillao;
-BAC
no IES Virxe dos Ollos Grandes
-Enxeñería
Técnica de Obras Públicas na USC-Campus de Lugo
-Ciclo
Superior de Eficiencia Enerxética e Solar Térmica no IES AS MERCEDES
Javier Muíño Montes:
-Graduado
Escolar
-Proba
de acceso ao Ciclo Superior
-Ciclo
Superior de Eficiencia Enerxética e Solar Térmica no IES AS MERCEDES
Alejandro Díaz Rodríguez:
-ESO
no IES AS MERCEDES
-BAC
no IES AS MERCEDES
-Enxeñería
Técnica de Topografía na USC-Campus de Lugo;
-Ciclo
Superior de Eficiencia Enerxética e Solar Térmica no IES AS MERCEDES
A dotación
económica do premio:
Este premio está dotado
economicamente con 5000 Euros para os alumnos autores do proxecto empresarial
que, nun momento de crise como o de hoxe, son, dende logo, unha primeira achega
importante para botar a andar a cooperativa.
A significación
engadida do premio:
Aínda
que este é a terceira vez que o IES AS MERCEDES gaña este certame de Cooperativismo
no ensino, modalidade Proxectos Empresariais Cooperativos, este ten, neste
momento, para toda a Comunidade Educativa do Centro e para a Plataforma cidadá
en defensa do IES As Mercedes, unha significación moi especial por canto lle vén
a demostrar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que quere
suprimir este IES, e, polo tanto, suprimir as ensinanzas da ESO e BAC no Centro
que:
-a
colaboración dos Departamentos de ESO e BAC nestes proxectos ten sido imprescindible.
Sen tal colaboración tería sido moi difícil poder presentar estes proxectos;
-nada
hai que impida que os IES non poidan promocionar e pór en valor a Formación
Profesional e así o vén demostrando, no seu traballo, este IES AS MERCEDES;
-nada
hai que impida que os IES non se poidan implicar coas necesidades e demandas do
seu contorno social á hora de procurar a inserción no mundo laboral dos seus
alumnos e alumnas;
-Todos os proxectos presentados, premiados e
non premiados, están hoxe funcionando como cooperativas de traballo e todos
eles saben que contan e poden seguir contando co apoio, experiencia e asesoría
do IES AS MERCEDES.
A
Consellería de Educación debería tomar nota (e está a tempo aínda) desta
realidade e tamén do feito de que no IES AS MERCEDES o profesorado dos ciclos
de Formación Profesional, na súa grande maioría, é consciente da importancia e
mesmo necesidade desta colaboración entre departamentos da ESO, BAC e FP, dende
logo que na realización de proxectos,
pero tamén na elaboración de unidades didácticas complementarias e/ou compartidas.
Cando menos esperamos que os representantes do partido do goberno no Concello
de Lugo o entendan así e, neste sentido, interveñan ante a Consellería de
Educación para axudar á revertir a decisión de suprimir este IES.
Discurso de Paco Martín
Boa tarde, Amigas e Amigos
Apenas hai media hora que saiamos do patio do Instituto de Ensino Secundario As
Mercedes para traer ata aquí, ata este edificio da Xunta de Galicia, toda a nosa indignación.
Todas e todos temos hoxe moitos motivos para estar indignadas e
indignados:
postos de traballo que se
destrúen;
salarios que baixan,
dereitos laborais que deixan de ser,
impostos que soben,
pensións que se volven esmola,
xubilacións que se aprazan ata despois da vida,
servizos públicos básicos que se converten en negocio privado,
inversións públicas que xa non
hai, etc, etc..…
e todo isto mentres se segue
consentindo, cando non alimentando, a corrupción, o despilfarro e o fraude
fiscal;
todo isto para salvar a unha banca sen escrúpulos en roubarlle á nosa xente
os aforros de toda unha vida.
Todas e todos temos moitos motivos para estar indignadas e indignados.
Pero hoxe traemos aquí a indignación de toda a cidade de LUGO pola
supresión, sen explicación nin argumento algún, dun novo Instituto Público de
Ensino Medio, o segundo en dous anos: a supresión do IES AS MERCEDES.
Traemos aquí a indignación de toda unha comunidade educativa que tivo
que enterarse desta decisión da Consellería de Educación a través da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia, e isto a pesares de apenas había un
mes que o Sr. Conselleiro de Educación visitaba o Centro para colmar de parabéns ao IES As Mercedes polo su
último premio á eficiencia enerxética.
Traemos aquí a indignación duns traballadores do ensino que, a pesares dos recortes salariais e a pesares do
incremento de carga lectiva que se lles impuxo, seguiron pondo toda a súa
sensibilidade e ilusión, toda a súa ciencia e o seu tempo, en procurar a mellor
atención aos seus alumnos e os mellores medios e condicións para un ensino de
calidade:
unha decisión deste
tipo, que se toma sen contar cos traballadores afectados e, por riba, sen
previsión algunha sobre a súa nova situación laboral e administrativa,
constitúe, fora ou non acertada tal decisión, unha absoluta indignidade,
e quenquera que teña sido o
responsábel de tal decisión non merece continuar por máis tempo nun cargo
público.
Traemos aquí a indignación duns alumnos e alumnas que xa, dende o
propio texto do Decreto de supresión do
IES As Mercedes, son convertidos en simple mobiliario co que encher ocos e
espazos e acabar masificando, aínda máis, as aulas dos demais IES da cidade:
que un alumno de 12-16
anos poda acabar convertido, por Decreto, nun simple número da ciencia
estatística, SEN NOME E SEN CARA;
sen que nada importen
as súas relacións de afectividade co seu grupo, co seu centro e/ou a súa
comunidade educativa;
sen que nada importe a
influencia destas relacións de afectividade na súa actitude e no seu rendemento
escolar, constitúe outra absoluta indignidade;
E quenqueira que teña sido o
responsable ou asesor de tal decisión non debería seguir tendo cargo algún relacionado
coa educación dos nosos fillos.
Traemos aquí a indignación dunhas nais e pais que tiveron que soportar
a falta de planificación, a falta de previsión e a falta, en fín, de
sensibilidade dunha Administración Educativa que ven a tratar aos seus fillos e
fillas da mesma forma que se trata a unhas mesas que poden deixarse apiladas
nas aulas de calquera outro Centro da cidade:
-que ao día seguinte do
anuncio do Decreto, nin na Xefatura Territorial de Educación, nin na Inspección
Educativa soubesen nada concreto sobre o número de prazas que ían ter
dispoñíbeis os alumnos e alumnas de ESO e BAC que terían que ser desprazados,
constitúe outra absoluta indignidade;
E quenqueira que teña sido responsable ou teña colaborado nunha
decisión así non debería continuar por máis tempo en cargo algún relacionado
coa educación.
Traemos aquí a indignación de toda a cidade de Lugo, de todo o seu
movemento veciñal e social, por esta
supresión do IES AS MERCEDES, -o segundo Instituto Público de Ensino Medio que
se perde en dous anos-, que non só se fai, como queda dito, sen planificación
algunha, senón ademais sen contar para elo con estudo algún sobre as
necesidades educativas da zona e da cidade de Lugo en xeral.
Se a administración nunca pode ser arbitraria, moito menos o pode ser
cando se afecta a servizos públicos básicos como a sanidade e a educación;
Se a administración nunca pode ser arbitraria, moito menos o pode ser
cando se trata de suprimir un Centro de ensino público, cando se trata de
suprimir un novo Instituto Público de Ensino Medio.
Unha decisión deste tipo debería ter empezado por estudar as
necesidades educativas de toda esta zona Sur de Lugo, tanto no que se refire
aos ámbitos da ESO e BAC, como no que se refire á Formación Profesional en todos
os seus aspectos –regrada e ocupacional-
e tamén no que se refire á infantil e primaria.
E a pouco que se houbera interesado, a Dirección Xeral de Educación e
Formación Profesional tería constatado que o Instituto de Ensino Secundario As
Mercedes está ubicado nunha zona de continuado crecemento demográfico (e con
previsións seguras de seguir medrando) e cunha poboación escolar tamén en
rápido crecemento.
A pouco que se houbera interesado, tería constatado que o entorno do
IES AS MERCEDES, -a maiores de contar co CEIP de O Corgo, como centro adscrito,
cunha poboación escolar estabilizada-, conta cun CEIP As Mercedes xa totalmente
saturado e conta cun CEIP Illa Verde que
hai dous anos necesitou ser ampliado en aulas e espazos para acoller toda a súa
demanda educativa e esta necesitando xa dunha nova ampliación;
E aínda máis.., a pouco que se houbera interesado a Dirección Xeral de
Educación e Formación Profesional, podería ter comprobado que hai no entorno do
IES As Mercedes dous centros de ensino privado, con niveis da ESO
subvencionados con fondos públicos en base a que a rede pública de Centros non
tería capacidade para atender a toda esa poboación escolar.
Poden dende a Dirección Xeral e dende a Xefatura Territorial de
Educación que se teñen estudado tais necesidades educativas e tamén que se
estudou a oferta existente. Mais os feitos, os traspés administrativos a
resultas da publicación do Decreto de supresión do IES AS MERCEDES, demostran o contrario:
Dende logo, se tal estudo
está feito, compre que a Consellería tome nota de quen o fixo, polo menos, para
non facerlle máis encargos deste tipo. ´
Traemos aquí a indignación de toda unha cidade que non pode entender
que coa escusa de ampliar a oferta educativa da Formación Profesional se teña
que suprimir un novo Instituto de Ensino Medio, sen sequera antes estudar
outras alternativas.
Cunha taxa de paro do 22% en Galiza resulta evidente que a oferta educativa
na Formación Profesional, tanto regrada como ocupacional, ten que ser ampliada
e mellorada. Mais ningunha ampliación e mellora da FP pode resultar
incompatible cos niveis da ESO e BAC.
E na zona Sur de Lugo hai unha
demanda nos niveis da ESO e BAC que é de xustiza cubrir con garantías dunha
mínima calidade. E, dende logo, resulta pouco crible pretender poñer en valor a
Formación Profesional ou falar dunha formación ocupacional cada vez máis
esixente mentres se desmantela e degrada por masificación ao ensino da ESO e
BAC que precisamente dan acceso aos ciclos medio e superior da Formación Profesional.
Non se nega a necesidade de ampliar a oferta educativa na Formación
profesional, tanto regrada como ocupacional. Mais non pode ser incompatible coa
continuidade da ESO e o BAC nin tampouco coa súa calidade. É necesario estudar
outras alternativas.
Pero ten feito a Consellería tal estudo?
Ten estudado, de verdade, todas as alternativas?
Esta xa esgotada, por exempro, a capacidade do Politécnico para dar
cabida a novas demandas?
Sabe a Xunta de Galicia que, a
menos de 300 m do IES As Mercedes, dispón a Consellería de Traballo dun centro
de formación profesional ocupacional recentemente ampliado e renovado, perfectamente
dotado e instalacións e equipamentos, e que está máis que infrautilizado?
Que razóns pode haber en tal estudo para que esta oferta de Formación
Profesional teña que resultar incompatible coa continuidade da ESO e BAC no IES
AS MERCEDES?
É un problema de espazos?
Dende logo que en absoluto. Que razóns hai, se non, para que, coas
obras que a Consellería de Educación tiña comprometido realizar, non se deseñen
as novas instalacións para dar cabida a toda esa nova demanda de FP e tamén á
demanda de ESO e BAC?
É un problema de calidade?
Que niveis de excelencia se queren, entón, para a Formación Profesional
que non poda acadarse nos ciclos impartidos nos actuais IES? Por suposto que
ningún. E ao IES As Mercedes así se lle ten reiteradamente recoñecido pola
propia Consellería de Educación, a última apenas un mes antes do Decreto, con
motivo do premio Schneider á eficiencia enerxética.
E un problema de legalidade
en relación coas ensinanzas da formación ocupacional?
Dende logo que tampouco. Sabe ben a Consellería de Educación que tamén
nos IES se realizan e se teñen realizado
cursos de formación ocupacional, tanto orientados a certificación de
competencias, como orientados a formación para o posto de traballo.
En fin, nin un estudo nin outro:
Nin un estudo sobre a demanda
educativa nin tampouco un estudo sobre as alternativas coas que atender dita
demanda.
Hai, pois, motivos para a indignación;
Para a indignación da Comunidade Educativa;
E para a indignación de toda a cidade.
Pero, a dous meses da publicación do Decreto, a dous meses de ter
solicitada unha entrevista co Sr. Conselleiro de Educación, traemos hoxe aquí
unha indignación máis:
-como votantes que cada catro anos cumprimos co noso dereito a votar e
como cidadáns que cos nosos impostos pagamos o salario e todos os gastos de
representación dos parlamentarios electos, temos que engadir hoxe a indignación
de sabermos do escaso respecto e o escaso valor que lle outorga ao noso voto
esta democracia que se practica dende o goberno da Xunta;
-a indignación de sabermos que o noso voto non vale para esixir que o
Sr. Conselleiro de Educación teña a ben dispoñer nin de media do seu tempo para
recibir a esta plataforma veciñal;
-a indignación de sabermos que o noso voto non serve sequera para
esixir que o Sr. Conselleiro de Educación teña que estar presente no Parlamento
de Galicia para o que foi electo cando nel se debate un tema de Educación como
o da supresión dun Instituto de Ensino Público.
Traemos ata aquí a indignación de todas e todos nós a indignación pola
supresión do IES As MERCEDES,
Pero traemos tamén a esperanza;
A esperanza que simbolizamos nesta marea de panos verdes;
A esperanza de sabermos que temos a razón que non ten a Consellería de
Educación;
A esperanza de sabermos que contamos coa maioría da poboación da cidade
de Lugo;
A esperanza de sabermos que contamos co apoio do Pleno da Corporación
Municipal do Concello de Lugo que, por dúas veces, co voto da maioría, ten
apoiado a solicitude de suspensión do Decreto entre tanto se realiza ese estudo
sobre as necesidades educativas que tiña que ser previo;
A esperanza de sabermos que contamos co apoio do Pleno da Deputación
Provincial de Lugo, que, tamén por maioría, ten votado a favor desta
reivindicación;
A esperanza de sabermos que contamos co apoio unánime dos grupos do
BNG, de AGE e do PSOE no Parlamento de Galicia;
Con toda esperanza de sabermos que contamos co apoio da maioría da
poboación de Lugo (representada aquí por todas as organizacións sindicais do
ensino e por todas as asociacións do movemento veciñal, e tamén, por esas máis de 10.000 sinaturas
recabadas na cidade de Lugo en apoio da continuidade da ESO e BAC no IES AS
MERCEDES), dende esta Plataforma cidadá, apelamos de novo á Consellería de
Educación a que se faga ese estudo
exhaustivo e serio sobre as necesidades educativas da Zona Sur de Lugo (que,
volvémolo a repetir, tiña que ser previo)
e a que, entre tanto, se suspenda
a aplicación do Decreto: gañaría a Consellería de Educación, gañaría a cidade
de Lugo, gañaríamos todos.
E con esta mesma esperanza, unha vez admitido a trámite polo Tribunal
Superior de Xustiza de Galiza o recurso contencioso administrativo en contra do
Decreto de supresión do IES As Mercedes, apelamos tamén á Administración de Xustiza
a que, en cumprimento da legalidade vixente e defensa dos dereitos cidadáns que
ten a obriga de defender, non permita esta nova arbitrariedade da Consellería
de Educación.
Amigas e amigos,
A AMPLIACIÓN DA OFERTA EDUCATIVA NA FORMACIÓN PROFESIONAL NON PODE SER
ESCUSA PARA SUPRIMIR UN INSTITUTO DE ENSINO MEDIO;
Amigas e amigos,
NA ZONA SUR DE LUGO NECESITAMOS DA FP, PERO TAMÉN DA ESO E BAC
NA ZONA SUR DE LUGO NECESITAMOS DO NOSO IES
E QUE SAIBA A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN SE É QUE NON SABE OU NON TEN O
VALOR DE RECTIFICAR,
QUE SAIBA O GOBERNO DA XUNTA QUE MAIS ALA DO QUE PODA PASAR NESTE FINAL
DE CURSO,
QUE MAIS ALA DO QUE PODA SUCEDER NO INICIO DO PROXIMO CURSO ESCOLAR,
ESTA PLATAFORMA CIDADÁ ASUME HOXE COMPROMISO DE MANTER A REIVINDICACIÓN
ATA VOLVERMOS A RECUPERAR ESTE INSTITUTO DE ENSINO MEDIO
ATA VOLVERMOS A TER NOSO INSTITUTO NESE MESMO SOLAR QUE ANTES FOI
CUARTEL DE CABALERÍA E QUE, DENDE MOITO ANTES, TODOS COÑECEMOS COMO AS
PEDREIRAS.
Amigas e amigos,
O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS….VOLVEREMOS.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)