Queridos rapaces e rapazas:
Estades a piques de comezar unha nova ruta, despois de
compartir un anaquiño da vosa viaxe con nós, madurando baixo a atenta
mirada dos vosos profesores e a carón
dos vosos compañeiros. Persoas ben coñecidas que fixeron o voso mundo bonito e
seguro.
Nestes momentos, o corazón fáisenos pequeniño, pero a
nosa esperanza é inmensa …
Chegastes aquí un chisco asustados, cos ollos moi abertos
e as risas moi fáciles. Pronto pasastes a sentirvos capitáns ... e aínda non pasabades de grumetes.
Nesta instituto fostes piratas e heroes,
aprendestes números e letras, fórmulas e mapas, datos e datas, conceptos
e competencias… Pero sobre todo, sobre
todo, aprendestes a crear beleza, a ser
flexibles nas vosas respostas, a encaixar, a perder o medo, a cambiar de
opinión, a xestionar as emocións, a
madurar ao mesmo ritmo que medrastes.
Agora marchades a un espazo máis aberto. Tedes que
prepararvos, bater as ás ben forte para que cando chegue o momento podades voar
moi alto, tan alto como sexades capaces de soñar.
Estamos seguros de que levades de nós, do noso centro,
unhas raíces profundas que vos marcarán o camiño de agora en diante. Sodes
fillos da terra, do esforzo e traballo dos vosos pais e nais, sentistes o
orballo na pel e vistes nacer o sol e a lúa a diario como parte dos vosos
xogos. Vivistes a natureza antes de estudala nos libros…
Queremos achegarvos esta carta para que vos sintades
acompañados neste momento de inquedanza para vós. Gustaríanos moito que fose a
primeira páxina dun diario, dun libro para escribir a vida.
Nel debedes escribir os vosos soños, as vosas metas. Nel
estarán tamén os vosos erros para que vos axuden a ser máis fortes. Estarán as
ilusións e as alegrías. Estarán os nomes dos vosos amigos.
Enchede as páxinas coas letras que aprendestes neste
instituto que aínda non vos di adeus. Esas letras serven para axudar, para
defender, para loitar, para coidar, para querer. Con elas, e co exemplo que vos
deron nas vosas familias, poderedes facer un mundo mellor para todos.
Desexámosvos de corazón que a vosa viaxe vos converta en
magníficas persoas, traballadoras e honestas. Debedes ser ambiciosos na vosa
formación pero non esquezades quen sodes e de onde vides. Coidar das vosas
raíces debe ser para vós unha prioridade. E se toca voar, voade xuntos. Sabemos
que dentro duns anos nos sentiremos orgullosos e orgullosas de cada un de vós.
E se nalgún momento a vida vos manca un pouquiño, loitade
e seguide. Con forza, porque sabedes que
non estades solos.
Contade con nós para escoitarvos cando o necesitedes, para arrimar o ombro se aparecen
dificultades, e para compartir os voso éxitos, eses que sabemos que vos están
esperando.
Sempre.
Unha aperta, e moita sorte.
IES AS MERCEDES
No hay comentarios:
Publicar un comentario