Á vista das declaracións da
dirección do novo CIFP que substitúe ao suprimido IES As Mercedes, esta
plataforma cidadá quere manifestar:
1.
Sobre a necesidade de máis
espazos para a Formación Profesional:
Nunca negamos a
necesidade de ampliar a oferta e os espazos na FP, pero, como traballadores do
Ensino Público e extraballadores do IES AS MERCEDES, os membros da dirección
deberan saber que ningunha ampliación da
FP debera resultar incompatible coa permanencia dos niveis de ESO e BAC.
Esta petición
de ampliación de espazos vense realizando, reiteradamente, como ben debera
saber o Vicedirector do centro e saben na Consellería de Educación. dende moito
antes de que o director chegara ao IES
As Mercedes. A última foi realizada e presentada ao Claustro, Consello Escolar,
Xefatura Territorial e Secretaría Xeral Técnica pola última dirección do IES As
Mercedes, moito antes do informe que cita o director do CIFP. E esta necesidade
estaba recoñecida, -non sabemos se sigue estando-, pola propia Consellería ao
anunciar a licitación do proxecto de ampliación do Centro.
E, unha vez
dito ISTO, non debera ser propio de ningunha responsabilidade directiva falar
sen estar ben informado ou pretender
transformar as medias verdades en mentiras, porque, en relación á
matrícula do presente curso académico e anteriores, o director debera de saber
ben que nos ciclos de automoción dos que é profesor nin sequera necesitaron dar
de baixa aos alumnos sen asistencia á clase porque non había lista espera e só
na familia de enerxía e auga quedou xente sen praza.
2. Sobre a necesidade dun novo CIFP para atender ás novas demandas no ámbito
da Formación Profesional:
Nunca esta
plataforma estivo en contra da ampliación da oferta educativa na Formación
profesional. E sempre dixemos (sen que tiveramos que agardar polo Director do
CIFP) que, nunha Galicia cun 26% de parados, con alumnos que acaban un ciclo e
empezan outro ou que acaban na Universidade e volven á FP, é totalmente natural
que aumente a demanda de FP, non tanto como unha ruta cara un posto de traballo
que non hai, senón como unha forma de aproveitar o tempo que é necesario
atender. Mais, que uns traballadores do ensino público podan entender que esta
nova demanda é incompatible coa permanencia da ESO e BAC; que uns traballadores
do ensino público podan aceptar a supresión dun Instituto Público de Ensino
Medio sen antes avaliar as necesidades educativas da zona e sen antes avaliar
as diferentes alternativas á disposición da Consellería coas que atender ditas
demandas; que uns profesores de Formación Profesional acepten as mentiras da
Consellería de Educación sen sequera aludir a que en Montirón ten a Xunta de
Galicia un Centro cunhas instalacións e uns equipamentos de Formación
Profesional totalmente infrautilizados , demostra, antes de nada, unha total
insolidariedade cos alumnos, pais e compañeiros afectados, pero tamén, ben
pouco compromiso co ensino público que agora teñen a responsabilidade de axudar
a xestionar, -supoñemos que con criterios de eficiencia-, dende os seus
respectivos cargos na dirección do CIFP.
3. Sobre a “inevitable” supresión do IES AS MERCEDES para transformarse nun
Centro Integrado de Formación Profesional:
Se
interpretamos ben a expresión do director do CIFP, a desaparición do IES AS
MERCEDES para transformarse en Centro Integrado de Formación Profesional era
unha constatación palpable dende xa antes da desaparición do IES Politécnico.
Descoñecemos que fontes de información a este respecto pode ter o Director do
CIFP, pero queremos advertilo de que con elo ven de facer unha moi grave
acusación contra os actuais responsables da Consellería de Educación: acaba, de
feito, de acusalos de absoluta incompetencia, por, despois de dous anos, no
momento de publicarse o decreto de (des)integración, non seren capaces de ter previsto, por exemplo,
que centros de ensino poderían dar acollida aos alumnos do IES AS MERCEDES.
Ademais do dito
resulta inaceptable que un profesor dun IES se poda argumentar a favor do CIFP
que fronte a 500 alumnos e 56 profesores de Formación Profesional só houbera na
ESO 160 alumnos e 28 profesores, sen antes explicar a diferente oferta e
estrutura dun e doutros niveis do ensino. Se o director do CIFP quere comparar
o diferente nivel de matrícula, -500 fronte 160-, está a fabricar unha
inaceptable manipulación en canto ás cifras de alumnos e profesores na FP. A pouco que un se molestara en revisar
os ciclos de FP que se impartían no IES AS MERCEDES e fixera unha suma
estaríase equivocando nun 20%. A
partir desta mentira, a ratio alumno/profesor que se queira sacar resulta
absolutamente falsa e, de todas formas, conviña que tamén o director dun CIFP
soubera que mentres na FP non hai optativas, nos niveis da ESO hai que
ofertarlles aos alumnos diferentes optativas (incluída a Relixión) e, a
maiores, hai dous grupos de PDC, un grupo de PCPI e ten que haber profesores
para reforzo educativo, adaptacións curriculares e profesores terapéuticos para
alumnos con diversidade funcional. Ou sexa que non poden compararse desta forma
as necesidades en recursos humanos duns niveis e doutros, como tampouco se
poden comparar os requirimentos en recursos económicos e equipamentos duns e
doutros.
Se en lugar de copiar as mentiras fabricadas pola Consellería, houbera
visto a evolución da matrícula e avaliado minimamente o crecemento da poboación
escolar da zona as conclusións terían que ser outras.
4. Sobre o apoio do claustro de
profesores á reivindicación desta plataforma:
Esta plataforma
sempre soubo que, dentro do Claustro de Profesores, non había unanimidade. Nin
tampouco a necesitamos: chéganos co convencemento de que se trata dunha
reivindicación absolutamente xusta e, en todo caso, expresar a nosa
satisfacción por contar cunha moi ampla maioría do claustro e coa totalidade do
equipo directivo.
Pero o que é absolutamente ilexítimo, sexa en boca
do Director Xeral de Educación e Formación Profesional, na boca do Delegado
Territorial, na boca da Inspección Educativa, na boca da Concelleira do PP ou
na boca dun exprofesor do IES AS MERCEDES traer aquí, en defensa do CIFP, que o
claustro de profesores tivera solicitado hai 8 anos pasar a ser Centro Integrado de Formación
Profesional:
-en primeiro
lugar, porque tería sido unha petición de hai oito anos e non de hoxe;
-e, en primeirísimo lugar, porque non ten
sido un acordo do claustro de profesores, senón unha proposta de acordo que a
familia de automoción (á que pertence o director do CIFP) leva ao Consello
Escolar e que de forma ilegal alguén certificou sen se producir ou antes de que
se producira.
A Zona Sur de Lugo necesita un Instituto de Ensino Público e nesta reivindicación
imos a continuar.
O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS
No hay comentarios:
Publicar un comentario